Comunicando participará na mesa redonda «Informar desde o lume. Xornalismo e incendios forestais», organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia para reflexionar sobre os desafíos da información sobre incendios. O Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carbajal, 5) acollerá mañá sábado, ás 12:00 horas, este acto no que participarán distintos profesionais con ampla experiencia no tratamento informativo dos incendios.

A mesa redonda estará integrada por Miguel Cao, xornalista de La Región, Uxía Carrera, xornalista de La Voz de Galicia, Carlos García Hervella, director do xornal O Sil, Juan Maceiras, redactor xefe de Cope Ourense, e o fotoxornalista de La Voz de Galicia, Santi M. Amil. Todos eles contan cunha ampla experiencia na cobertura informativa dos lumes forestais. Moderará o debate o director Comunicando Consultoría de Comunicación, Jorge Isla, que é o representante da demarcación de Ourense no Pleno Territorial do Colexio de Xornalistas de Galicia.

A cobertura dos incendios forestais é unha das situacións máis delicadas e difíciles que se producen habitualmente no xornalismo da nosa contorna. Ás dificultades para transmitir a información de forma rápida e exacta e á obriga de exercer unha cobertura responsábel, que respecte ás vítimas e non contribúa á especulación e ao caos; súmase tamén a necesidade de protexer a seguridade das e dos profesionais fronte ao lume. Antes de que comece a temporada de maior risco de incendios forestais, o Colexio de Xornalistas organiza esta xornada na que se pretende compartir experiencias sobre a cobertura informativa dos incendios, reparar nos desafíos e perigos que supoñen os lumes de sexta xeración e analizar o tratamento dos lumes tanto no momento da emerxencia como nas análises máis demoradas.

A asistencia ao acto, que se desenvolverá no Salón Noble do Liceo de Ourense, é libre e gratuíta.