A nosa axencia de comunicación presentará a primeira charla titulada «Estratexias de comunicación dixital» impartida por Bárbara G. Vilariño, xornalista e consultora de Comunicación Dixital
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organiza nas mañás dos días 11, 13 e 17 de novembro A comunicación corporativa: Comunicar con estratexia, un ciclo de seminarios online que analizará aspectos como as estratexias de comunicación dixital, a comunicación corporativa ou o deseño dun plan de comunicación. A formación será impartida por Bárbara G. Vilariño, Xosé Luis Reza e María Isabel Míguez González e o programa complementarase cunha xornada presencial o 20 de novembro. A inscrición para participar nos diferentes seminarios, libre e gratuíta, xa está aberta. Todos eles se realizan coa subvención da Deputación da Coruña e a colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.
A primeira formación, o día 11 de novembro, «Estratexias de comunicación dixital» será impartida por Bárbara G. Vilariño e presentada polo director de Comunicando Consultoría de Comunicación, Jorge Isla, quen tamén é membro do Pleno Territoral do Colexio de Xornalistas.
O día 13 de novembro, o director de Marketing de Iuni Strategic Marketers, Xosé Luis Reza, impartirá a formación que leva por título: «Comunicación corporativa»; e por último, o día 17 de novembro, será o turno da directora do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo, María Isabel Míguez González, que impartirá a formación «Deseño dun plan de comunicación».
As sesións impartiranse a través da plataforma de formación do Colexio de Xornalistas e serán gravadas para que aquelas persoas que non poidan asistir, teñan tamén acceso posteriormente ao seu contido. Para inscribirse é preciso cubrir o formulario online, indicando aquela formación na que se ten interese, ata o día anterior á data de celebración do primeiro webinar no que a persoa desexe anotarse. A reserva de prazas realizarase por rigorosa orde de inscrición e poderá solicitarse certificado de asistencia.
Toda a información, na páxina web do Colexio de Xornalistas, pulsando aquí.




